Monday 16 de September de 2024

Veciños e veciñas aprenden primeiros auxilios nun curso organizado polo Concello de Frades


Un total de vinte veciños e veciñas de Frades participaron nun curso de primeiros auxilios organizado polo Concello de Frades e impartido esta fin de semana no multiúsos fradense. Durante catro horas, persoal especializado explicoulles aos veciños e veciñas distintas técnicas de actuación no caso de accidente.

Deste xeito, os veciños e veciñas adquiriron coñecementos básicos en primeiros auxilios, dende como tratar unha hemorraxia se te cortas cun coitelo na casa ata que facer se un cativo inxire un produto tóxico. Ademais, aprenderon técnicas básicas sobre como actuar ante un accidente na nosa contorna máis próxima, dende como facer a respiración boca a boca ata como comprobar a tensión dunha persoa. Uns coñecementos que puideron aplicar sobre uns bonecos destinados á aprendizaxe de primeiros auxilios e baixo a atenta guía dos seus instrutores.